O imperialismo xaponés

O imperialismo xaponés

Le os seguintes documentos e responde as preguntas que atoparás ao final

A emerxencia de Xapón como a gran potencia imperialista de Extremo Oriente baseouse nunha práctica militarista e nunha política expansionista en Asia. Ante os efectos da crise económica da década de 1930, o Xapón formulouse dispor dun "espazo vital" propio que lle permitise o dominio da Asia Oriental, co fin de extraer materias primas e exportar os seus produtos.

Con este obxectivo, desenvolveu unha poderosa industria de armamento e deulle entrada no poder político ao exército. En 1931, Xapón decidiu anexionarse a rexión chinesa de Manchuria. O exército xaponés actuou pola súa conta, á marxe do poder político. En 1932, mozos ultranacionalistas asasinaron o primeiro ministro Tsuyoshi, cuxa morte marcou a fin do goberno de partidos en Xapón.

Así mesmo, achegouse a Alemaña nazi e reforzou a súa alianza co Pacto antikomintern (1936), ao considerar a URSS como o principal inimigo na zona. Despois de retirarse da Sociedade de Nacións en 1934, o exército xaponés iniciou, en 1937, a invasión de China. Logo do estalido da Segunda Guerra Mundial, os xaponeses invadiron a Indochina francesa e asinaron, en Berlín, o Pacto Tripartito ou Pacto do Eixe.

No verán de 1941, os Estados Unidos, Gran Bretaña e Holanda comenzaron un embargo de petróleo contra o Xapón, temerosas da súa potencia militar. En decembro, o ataque xaponés á base estadounidense de Perl Harbor (Hawai) significou a entrada do Xapón na guerra mundial e, asemade, a dos Estados Unidos.

O expansionismo imperialista xaponés

Tras a guerra chino-xaponesa (1984-1895) e a guerra contra o Imperio ruso (1904-1905), o Xapón adquiriu diversos territorios en Corea e Taiwán.

Máis adiante, invadiu Manchuria e a China.


A anexión de Manchuria

A invasión e anexión da rexión chinesa de Manchuria foi realizada con extrema violencia: practicáronse matanzas e desprazamentos forzados de poboación civil.

En febreiro de 1932, e co nome de Manchukuo, o territorio foi formalmente incorporado ao Imperio xaponés.

A invasión do resto de China

En 1937, o exército xaponés ocupou Pequín e Shanghai. As tropas xaponesas chegaron a utilizar gases tóxicos contra o exército e a poboación civil, e tras a ocupación de Nanking cometeron un xenocidio, asasinando unhas 300.000 persoas.

As violacións e todo tipo de atrocidades prolongáronse durante máis de seis semanas.


A alianza con Alemaña

Os Estados soberanos contratantes acordan informarse mutuamente das actividades desenvolvidas pola Internacional comunista, deliberar sobre as medidas defensivas necesarias e levar estas a cabo en estreita cooperación (...).

En caso de que un dos Estados soberanos contratantes sexa obxecto de agresión, non provocada, ou de ameaza de agresión, non provocada, por parte da Unión Soviética, o outro Estado soberano contratante obrígase a non adoptar medida ningunha cuxo efecto supoña un alivio para a situación da URSS (...).

O goberno do Reich alemán e o goberno Imperial xaponés, novembro de 1936

Mulleres nunha fábrica de armamento xaponés, 1940.
Mulleres nunha fábrica de armamento xaponés, 1940.

Nacionalismo, militarismo e racismo

Ao igual que na Alemaña nazi, no réxime militarista do Xapón imperial difundiuse a idea de que os xaponeses pertencían a unha raza superior, destinada por dereito divino a subxugar os demais asiáticos, a quen consideraban como etnias inferiores.

Isto foi a orixe de innumerables actos de crueldade e de atrocidades, como os experimentos biolóxicos e bacteriolóxicos con prisioneros chineses ou a utilización de 200.000 mulleres e nenas, na súa maioría coreanas, pero tamén chinesas e filipinas, como prostitutas das tropas xaponesas. Aproximadamente un millón de coreanos foron trasladados ao Xapón para traballar en condicións de escravitude en minas, fábricas de aceiro e de armamento e grandes proxectos de construción.


Plantaremos a bandeira do sol nacente tinguida do noso propio sangue nos recantos máis afastados da Terra, no deserto afastado onde as estrelas escintilan e o león roxe baixo as árbores. Arrincaremos os cocodrilos do Ganxes que corre aos pés do Himalaia. A carpa de papel voará alto sobre a cidade de Londres; o día de mañá Moscoa e mais a Siberia nevada serán nosas (...).

Canto patriótico dos escolares nipóns, 1942

Ataque xaponés á base naval estadounidense de Pearl Harbor (Hawai), 7 de decembro de 1941.
Ataque xaponés á base naval estadounidense de Pearl Harbor (Hawai), 7 de decembro de 1941.

A entrada na guerra mundial

Nós, Emperador do Xapón pola graza do ceo, facemos saber que lles declaramos a guerra aos Estados Unidos de Norteamérica e ao Imperio británico (...). En verdade que foi inevitable e moi afastado dos nosos desexos ver o noso Imperio cruzar agora os seus fogos con Norteamérica e Gran Bretaña. Máis de catro anos pasaron desde que a China non aceptou a comprender as verdadeiras intencións do noso Imperio e comprometeu a paz do Extremo Oriente (...).

De non lle poñer remedio a este estado de cousas, non soamente se anularían os esforzos realizados polo noso Imperio durante numerosos anos para a estabilización de Asia Oriental, senón que se poñería en perigo tamén a existencia da nosa nación. Temos confianza en que o labor que nos foi legado polos nosos antepasados será moi axiña restablecido na Asia Oriental.

Declaración de guerra do Xapón, 8 de decembro de 1941

Responde as seguintes cuestións:

  1. Cando se inicia o expansionismo xaponés? Que territorios foi ocupando? En que momentos? Que factores provocaron no Xapón esa política imperialista e anexionista?
  2. Que alianzas estableceu o Xapón na década de 1930? Por que cres qeu abandonou a SDN?
  3. Explica cal é a actitude que ten o Xapón na expansión territorial. Sobre que bases ideolóxicas se asentou o trato que lles deron aos pobos ocupados?
  4. Como xustificou o emperador de Xapón a declaración de guerra? A que se refire a alusión a China?
  5. Que similitudes ideolóxicas podes establecer entre o réxime nazi e o xaponés?
  6. Cres que o exército alemán e o xaponés tiveron unha actitude semellante cara aos pobos sometidos? Argumenta a túa resposta.
© 2016 Departamento de Xeografía e Historia - IES "Isaac Díaz Pardo" - Sada (A Coruña)
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar