Tarefas do libro de texto

Como mudou a vida dos homes e mulleres do século XIX co proceso de industrialización? 

A segregación urbana (p. 32)

Londres ten tres partes ben diferenciadas: a City é a zona vella, cun gran número de rúas estreitas, mal aliñadas e mal edificadas (...).

No West End atópase a alta aristocracia, o comercio elegante, os artistas, a nobreza de provincias. Esta parte é soberbia; as casas están ben construidas e as rúas, ben aliñadas. As mulleres pasean luxosamente vestidas (...).

Os barrios do nordés e mais do sueste están, como consecuencia dos baixos prezos das vivendas habitados maioritariamente por obreiros, prostitutas e homes a quen a falta de traballo e os vicios converten en vagabundos, ou que a miseria forza á mendicidade ou á criminalidade.

Flora Tristán: Paseos por Londres, 1840

  • Que diferentes partes tiña Londres no século XIX? Que caracterizaba cada unha delas? Define o concepto de segregación urbana.
  • Quen era Flora Tristán. Elabora unha pequena biografía sobre ela.

As mulleres na nova sociedade industrial (p. 34 e 35)

A sociedade burguesa nada da industrialización instaurou a inferioridade legal das mulleres e uns modelos sociais que establecían unha clara diferenciación social por xéneros: a esfera pública (economía, cultura, arte, política...) quedaba reservada aos homes, mentras se mantiña ás mulleres na esfera doméstica.

Argumentouse que o destino natural da muller era o casamento e mais o coidado da familia e que só unha imperiosa necesidade económica xustificaba o seu traballo fóra do fogar.

  1. Doc. 1: Como xustifica o texto a división social por sexos?
  2. Doc. 2: Que destino lles agardaba ás mulleres segundo a súa condición social? Que significa ser "escrava dun escravo"?
  3. Doc. 3: Que significa a expresión "anxo do fogar"?
  4. Docs. 4 e 5: Que educación recibían as nenas? Houbo para a muller un avance paralelo entre a ensinanza e a lexislación?
  5. Docs. 6 e 8: Por que non estaba ben valorado socialmente que as mulleres traballasen? En que sectores se ocupaban? Traballaban en igualdade salarial que os homes?
  6. Doc. 7: Que situación denuncia o texto?

@ Para ampliares na Rede...

Para saberes máis sobre o acceso das mulleres á ensinanza universitaria: https://es.tiching.com/link/732737

Métodos de Traballo Histórico (p. 39)

Analizar táboas numéricas e gráficos

Unha gran parte dos datos achegados polas series estatísticas ou táboas numéricas son susceptibles de seren presentados graficamente.

Existen diferentes tipos de gráficos, pero os máis comúns son os seguintes:

  • Gráfico de barras. Utilízanse para representar datos de carácter descontinuo. As barras pódense dispoñer de forma horizontal ou vertical.
  • Diagrama sectorial. Son os máis apropiados para ver a proporción entre as diferentes cantidades referidas a un mesmo concepto. Os valores débense expresar en porcentaxes. O 100% representado terá un valor de 360º se o gráfico é circulas ou de 180º se é semicircular.
  • Gráfico de curvas. Son os máis frecuentes e permiten visualizar a evolución dun fenómeno ao longo do tempo. Utilízanse cando a serie de cifras é continua.

Guía de traballo

1. Elaboración do gráfico

Utiliza unha folla de cálculo para introducir os datos da evolución da poboación inglesa que tes na columna da esquerda e elabora unha gráfica de curvas situando os anos no eixe de abcisas (horizontal), e nos eixes de ordenadas (verticais) sitúa nun lado as unidades de natalidade e mortalidade, e no outro as unidades do volume de poboación. 

2. Comentario do gráfico

a) Presentación

Tipo. Que nome recibe o gráfico representado? Por que era o máis apropiado? Que representa cada eixe? Cales son as variables representadas?

Cronoloxía. Que período abrangue?

Tema. De que trata o gráfico?

b) Descrición e análise

Descrición das variables. Que tendencia segue cada curva? Comenta os máximos e os mínimos.

Relación entre elas. Establece semellanzas e diferenzas entre a evolución da natalidade, da mortalidade e da poboación.

c) Interpretación dos datos

Contexto histórico. Como se denomina o cambio de tendencia demográfica que amosa o gráfico?

Causas. Que factores provocaron este cambio de tendencia? Explica as causas da baixada da mortalidade e do aumento da natalidade.

d) Conclusións

Valoración. Como contribuiu o crecemento demográfico ao desenvolvemento da industrialización?

Aplica o aprendido (p. 40)

OBSERVA O PLANO

  • Descrición da imaxe. Que cidade amosa o plano? Cal é a arteria principal da cidade?
  • Análise. Busca información sobre o West End e o East End londinenses no século XIX. Despois localiza ambos os dous barrios no mapa. Que grupos sociais residían en cada un? Que barrio estaba preto da zona portuaria? Por que?
  • Contexto histórico. Explica como foi a urbanización de Londres como consecuencia da Revolución Industrial. Como medrou a partir do século XVII?
  • Valoración. Como se plasma a diferenciación de clases na cidade de Lonres? Xustifica a túa resposta.

Dickens e a sociedade industrial (p. 41)

Carles Dickens, un dos grandes escritores da literatura universal, viviu parte da súa infancia na cidade de Londres durante a primeira metade do século XIX. Visualiza os seguintes documentais en

https://www.rtve.es/alacarta/videos/informe-semanal/informe-semanal-descubriendo-dickens/1589913/

https://www.rtve.es/alacarta/videos/pagina-dos/pagina-2-especial-dickens/1445752/

e responde as preguntas:

  • En que contexto histórico se enmarcan a vida e a obra de Charles Dickens? Que dous feitos personais marcaron a súa traxectoria vital e literaria?
  • Cita algunha das súas obras máis importantes. Cal é o xerme dos seus personaxes? A que cidade lle deu forma na maioría das súas novelas? Poderías describila?
  • Que denunciaba Dickens nas súas novelas?
  • A que se refire P. Akroyd cando afirma "Non hai vida máis dickensiana que a do propio Charles Dickens"?
© 2016 Departamento de Xeografía e Historia - IES "Isaac Díaz Pardo" - Sada (A Coruña)
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar