Tarefas sobre a prosperidade, crise e depresión

Imaxes da Historia - Dorothea Lange

Dorothea Lange (1895-1965) foi unha reporteira gráfica estadounidense que realizou unha ampla crónica fotográfica dos efectos da Gran Depresión. As súas fotografías amosan o sufrimento dos desempregados, dos desafiuzados e, sobre todo, dos campesiños que emigraron cara a California fuxindo do Dust Bowl que asolou o Medio Oeste dos Estados Unidos.

O seu retrato da "Nai migrante" converteuse nun referente da fotografía social. En 1960, Lange relatou a súa experiencia ao tirar a foto:

"Vin e achegueime á famélica e desesperada nai como atraída por un imán. Non lembro como lle expliquei a miña presenza ou a miña cámara, pero lembro que elan non me fixo preguntas. Non lle pedín o seu nome ou a súa historia. Díxome a súa idade, que tiña 32 anos e que viviran de vexetais fríos dos arredores e paxaros que os nenos mataban. Acababa de vender as lamias do seu coche para mercar alimentos. Aí estaba sentada repousando na tenda cos seus nenos abrazados a ela e semellaba saber que a miña fotografía podería axudala e daquela axudoume".

Dorothea Lange: Nai migrante, Nipomo, California, 1936. Esta fotografía pertence a unha serie na que están retratados Florence Owens Thompson e os seus sete fillos.
Dorothea Lange: Nai migrante, Nipomo, California, 1936. Esta fotografía pertence a unha serie na que están retratados Florence Owens Thompson e os seus sete fillos.

Consulta nos seguintes enlaces máis información sbore Dorothea Lange e as fotografías que realizou durante a Gran Depresión, e realiza as actividades que tes a continuación:

A artista

  • De que profesión foi pionera Dorothea Lange?
  • Por que percorreu o país na década de 1930? Para quen traballaba? Con que finalidade?

As fotografías

  • Elixe cinco fotografías que reflictan a vida dos campesiños emigrantes durante a Gran Depresión. Descárgaas de Internet e elabora un álbum fotográfico. Ponlle un título a cada unha e redacta un pequeno pé explicativo coa descrición da imaxe e os motivos da túa elección.

O seu valor testemuñal e artístico

  • Cres que estas fotografías constitúen unha fonte histórica para coñecer o pasado tan importante como os documentos escritos? Xustifica a túa resposta.
  • Que quixo reflectir a fotógrafa nas súas obras? Por que é considerada unha fotógrafa social? Busca o que poñía na súa tarxeta de visita.
  • Cres que a súa obra ten un valor artístico como podería ter unha pintura? Razoa a túa resposta.

«Dust Bowl Refugees»

A balada de Woody Guthrie

Escoita no video que tes abaixo a balada de Woody Guthrie, "Dust Bowl Refugees" e responde as seguintes cuestións:

  • Cal é o tema da canción?
  • Busca información sobre os "okies".

Hooverville, Seattle

Hooverville, Seattle, 1937. Entre 1931 e 1941, data da súa destrución, este barrio de chabolas foi o fograr de milleiros de persoas sen emprego.

  • Consulta o seguinte enlace e elabora un pequeno informe sobre como vivía a poboación nos Hoovervilles do Estado de Washington durante e Gran Depresión:

        https://es.tiching.com/link/732810


Analiza a táboa

1. Descrición da información

  • Que evolución seguiron as cotizacións en Bolsa das principais compañías dos EUA? Que dous fenómenos bolsistas reflicte a táboa?
  • Que nome recibe o día 24 de outubro de 1929? Que aconteceu ese día na Bolsa?
  • Calcula a porcentaxe de descenso das accións das tres compañías entre 1928 e 1933.

2. Análise

  • Que causas explican a gran suba das cotizacións entre 1928 e 1929? E a caída a partir de setembro de 1929?

3. Contexto histórico

  • Que consecuencias tivo a crac bolsista para os accionistas destas compañías? Explica como repercutiu na economía dos Estados Unidos.
© 2016 Departamento de Xeografía e Historia - IES "Isaac Díaz Pardo" - Sada (A Coruña)
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar